Ese día ao amencer cruzas a Ponte das Pías,
alí aínda envolvidos na néboa están os chapistas en asemblea,
as costureiras que entran en Fene cunha guarnición de aguinaldeiras,
as risoñas peixeiras que xa volven da lonxa sen canastros e con soños,
os soldados de levita que andan cambiando o contrasinal en silencio,
a luz que quere abrirse paso nos médanos temperáns da ría,
os que pasan pola vida de furancho en furancho como unha familia afastada,
o que ten as mans salpicadas de láudano e unhas frieiras coas marcas do puñal,
o marido que anda de costas nun soliloquio de babas e veu barato,
as follas de loureiro que o taxidermista esqueceu no pico dunha pomba azul,
o diagnóstico dos enxeñeiros que deben voar as pontes,
o discurso que Montesquieu lárgalle na torre ao señor de Andrade,
os que ante o escalpelo foxen rúa abaixo cos tumores na man,
a muller branca que entra e sae da néboa como un recurso fronte ao duelo,
as rosas amarelas que se abren ao paso dos bois,
a aldroga de escuma que os alicerces soportan ante a proximidade do navío,
os navíos que agora saúdan aos obreiros desde a bancada do arsenal,
os que ante os sopretes do purgatorio corren a condenar a paz das cadeas,
os que ante a resolución das gaivotas deciden non volver comer carne,
todos eles beben agora do cáliz que a nebulosa mañá ocultou
para que a luz e a resolución dun novo día sexa ampla e unánime,
un novo día desde o que se poida contemplar o extremo desta nova ponte.
Recitado en A Casa das Palmeiras (Neda) 18/07/2024. Presentación de la revista «OLGA»

En la mesa, Vicente Araguas, Xosé María Dobarro y Manuel Pereira. 18/7/2024